PUEBLA FUTBOL CLUB
LOCALIDADE: A Pobra do Caramiñal
ESTADIO: A Alta (1000 esoectadores)
ANO DE FUNDACIÓN: 1973
TEMPADAS EN PREFERENTE: 9
Antes de iniciar a nota do rival desta semana, mostrar as miñas condolencias aos veciños da Pobra polo recente pasamento de Juan Carlos Riveiro, expresidente do clube, un auténtico home de fútbol e con quen o Puebla escribíu as mellores páxinas da súa história. Que a terra lle sexa leve ao bo de Riveiro.
Pois entrando xa en materia, o deste domingo ás 16:30 en Barraña, quizais sexa o encontro que máis espectación produza nesta tempada por ser o derbi do Barbanza ou da beira norte da Arousa, según se vexa, o encontro entre veciños, entre amigos, pero no que habrá tensión xa que o tren da liguilla de ascenso pode marchar para o que perda, e porque precisamente neste tipo de encontros, o que perde ten que aguantar máis mofas que de costume noutras derrotas.
O Puebla o día da sua presentación en Cadreche (La Voz)
Do concello da Pobra pouco vou descubrir aquí que non se sepa xa en Boiro. É o concello máis pequeno en extensión da Barbanza con tan só 32,5 kms cadrados no que viven unhas 9300 persoas repartidas por catro parroquias. Aló polo ano 2000 o concello chegara a ter os 10000 habitantes, pero pouco tempo os aguantou perdendo esa barreira poboacional que lle da máis forza a calquera administración local. O punto máis alto do concello sitúase no Alto do Barbanza con 656 metros. Ten a Pobra un interesante rueiro na súa parte máis antiga onde destaca a casa-museo de Valle Inclán, conserva a súa alameda e a fachada marítima creo que é ben bonita, e máis agora que se vai recuperar a parte na que so había naves abandoadas, entre elas a da discoteca Boomerang, onde moitos de nós pasamos longas horas nos domingos de xuventude.
A Curota, O río Pedras, as praias de Cabío e Lombiña... non son ningún segredo xa para ninguén, e a Pobra presume, e con razón, destas xoias da natureza.
A min molaríame que este clube que se fundou o 30 de xuño de 1973, se chamara Pobra Futbol Club, pero non é así... Que lle vou facer!?!?, aínda me fastidia máis que o seu torneo de verán siga levando o nome do Conde de Fenosa. O que si teño que recoñecer, que teñen un dos escudos máis fermosos do fútbol galego, ou polo menos para mín.
Chega o Puebla a Barraña con 12 puntos tras gañar tres partidos, empatar outros tres, e perder outros tantos. No apartado goleador, levan 12 goles tanto a favor como en contra.
O primeiro presidente que tivo o Puebla foi Eliseo Escurís Batalla, e a súa primeira competición na tempada 1973/74 foi na Segunda División do Sar Grupo Sur, sendo o seu primeiro encontro o día de Reis de 1974 contra o Unión ao que gañaron por 2-0. O Lampón, e o Cabo de Cruz serían algún dos rivais nesa liga. Quedaron quintos de nove equipos.
Foi o equipo medrando pouco a pouco ata que por fin, na 1983/84 quedou campión do seu grupo na Primeira Rexional e acadou o ascenso a Preferente, na que se estrearía de xeito oficial na casa un 2 de setembro de 1984 gañando por 4-1 ao desaparecido Atalaya de Porto do Son. Remataron esa campaña nun meritorio oitavo posto, que mellorarían ao seguinte ao ser terceiros, só por detrás de Bergantiños e Sporting Sada, e xa na seguinte, subcampións por detrás do histórico Lemos e ascenso a Terceira División. Menudo carreirón levaba o equipo.
O 30 de agosto de 1987 estreábase o equipo en categoría nacional, e facíao en Cangas do Morrazo ante o Alondras co que sucumbiría por 4-3 nun emocionante partido. Ao final da tempada serían decimo cuartos con 34 puntos (lembrade que por aquel entón as vitórias daban dous puntos e non tres) nun grupo no que tiveron que enfrontarse entre outros ao Rácing de Ferrol, a SD Compostela ou ao Coruxo. A primeira vitória chegaría na seguinte xornada ao gañar por 5-0 ao Atlético Ourense.
Repetiría posto e puntuación na campaña seguinte, e xa na da 1989/90 o equipo sería décimo sexto con 32 puntos e perdería a categoría por mor dos arrastres da Segunda B, da que baixarían o Rácing de Ferrol, o Lalín e o Arousa nunha campaña desastrosa para os equipos do noso país sendo aquel famoso Xuventude Cambados, o que mellor quedaría ao ser cuarto clasificado. Da Terceira tan só subiría o Compos o que sentenciaba ao equipo do Caramiñal que xa non volvería a xogar en Terceira. Xusto un posto por diante cun puntiño máis, salvaría a categoría o CD Boiro.
Dende esa o declive do Puebla foi abismal, aguantando tan só duas tempadas en Preferente, pero as campañas en Primeira Rexional serían desastrosas baixando na 1995/96 a Segunda Rexional e sen aínda tocar fondo, o que ocurriría na 2004/05 co descenso a Terceira e ollo que ata lles costou collerlle o punto a unha categoría na que botarían catro tempadas.
Na 2008/09 comezou o resurxir do equipo sendo campión da Terceira Rexional con 29 vitórias en 32 partidos e anotando 152 goles e encaixando tan só 18. Os únicos partidos que non gañaran foron un empate a un en Bealo, outro a cero na casa ante o Xuño e unha derrota na casa por 0-1 ante o Cabo da Cruz. O resto, goleadas a favor dos pobreses, destacando o 12-0 ao Caamaño.
Rozou xa o ascenso a Primeira no seu re-debut en segunda pero ao final tivo que agardar tres tempadas para acadalo e outras tres tivo que agardar en Primeira para subir a Preferente na que só botou desta vez unha campaña ao quedar 17º e baixar ese ano seis equipos.
O novo peregrinar pola Primeira Rexional sería de dous anos nesta ocasión e conseguiron voltar a Preferente ao ser segundos tras A Golada na 2017/18 e cos mesmos puntos co Piloño que quedou ca mel nos beizos da que pudo ser o seu primeiro ascenso a Preferente. Aínda así o Puebla precisou dunha eliminatoria contra o subcampión do Grupo I, o Carral ao que doblegaron tras perder no encontro de ida xogado en Barraña o 27/05/2018 por 2-3 marcando polo Puebla, Changui e Espi, e no encontro de volta xogado no campo de O Castro unha semana despois, o resultado foi de Carral 0 Puebla 2 con goles de Changui e Pap.
Festexando o ascenso contra o Carral (La Voz) |
Dende aquela o equipo xa non se moveu da Preferente ata o de agora.
O clube conta ademais de con este equipo, cun filial, o Puebla B que está na Terceira Rexional e que vai segundo tras o Noia B. Ten o equipo xuvenil na primeira autonómica e equipos en categoría cadete, infantil, alevín e benxamín.
O Puebla non é precisamente un equipo que se lle de ben ao CD Boiro en Barraña, máis ben ao contrario. Certo é que botaron moitos anos sen xogar entre eles, pero a última vez que o noso equipo lle gañou aos pobrenses na casa foi o 6 de marzo de 1994 estando en Primeira Rexional co resultado de 1-0. Na Pobra o noso equipo acadou resultados moito mellores que en Barraña, pero cunha grande diferencia!! Hai vai a táboa para que vexades.
As dez últimas campañas do Puebla |
Campo de fútbol e area do salto de lonxitude (EibrSestaoX.com) |
O colexiado para esta ocasión é o coruñés Iván Morlán García, outro amante da música, pero nun eido diferente ao colexiado da semana pasada. Este é un amante do rock un pouco máis duro co que fai Miss Derrota pero a súa relación con bello arte da música é máis literaria que instrumental. Ten feito entrevistas e críticas de grupos musicais na páxina "Keep the Flame Webzine", na que publicou entrevistas a Obús e Saratoga entre outros moitos.
No futbolístico, debutou na Prefente na tempada 2016/17, na primeira xornada no Grupo Sur cun Xuventú Sanxenxo 1 Pol. San Cibrao 0, amosando cinco cartóns amarelos, tres para os locais e dous para os do Polígono. Nesta campaña dirixíu na xornada 4 do Grupo Norte B o As Pontes 2 Santaballés 2 con 5 cartóns amarelos aos locais e dous aos visitantes aos que lles pitou un penalti a favor; na xornada 9 no noso grupo dirixíu o Laracha 1 Arteixo 3 con tres amarelas para cada equipo. Tamén nos grupos do sur asubiou algún encontro, como o Valladares 3 Xuv. Sanxenxo 2, con cinco amarelos aos de Vigo e un bermello directo no minuto 21 aos de Sanxenxo ademais doutro amarelo; o Velle 1 Cultural Areas 2 con tres e seis amarelos respectivamente e a semana pasada o Porriño Ind. 2 Mondariz 1 con dous e seis tarxetas amarelas. Ogallá teña sorte no encontro e dirixa con ben o partido. Non teño constancia de que ata o de agora lle dirixira algún encontro ao noso equipo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario