SI PULSAS SOBRE LAS ALTIGRAFÍAS Y FOTOS, PODRÁS VERLAS A TAMAÑO COMPLETO.


Agradecer a Salvador Hernández su ayuda en la configuración de este blog. Gracias Salva.



martes, 19 de abril de 2022

CLUB DEPORTIVO AS PONTES

 CLUB DEPORTIVO AS PONTES

LOCALIDADE: As Pontes de García Rodríguez
ESTADIO: O Poboado (2000 espectadores)
ANO DE FUNDACIÓN: 1960
TEMPADAS EN PREFERENTE: 13 (14 ca actual) (24 contando ca Serie A)


Toca este domigo rendir visita a un clube histórico do fútbol galego, non tanto polos seus 62 anos de historia,  como polos éxitos acadados nese tempo chegando a ter anos de moitísimo explendor.

As Pontes de García Rodríguez, é un concello da bisbarra de Eume e que pasa por moi pouco dos 10000 habitantes, de feito é moi probable que os perda ao longo deste ano o do que ven ao máis tardar. Nos case 250 kilómetros cadrados de extensión que ten, hai un total de 13 parroquias, estando un bo número delas ao borde da despoboación. A de Seoane por exemplo ten 8 habitantes repartidos en dúas aldeas, ou os 14 habitantes da de Deveso que viven ente sete aldeas, estando xa outras trece totalmente deshabitadas. 
A desintruialización da zona  non vai a axudar a evitar esa perda de poboación, pero polo visto hai proxectada unha gran fábrica de neumáticos cunha inversión de 522 millóns de euros. Serían neumáticos de alta gama para o mercado europeo e norteamericano, se ben a empresa, Sentury Tire, sería de capital chinés.


Pasemos xa a falar do equipo. Fundado baixo o nome de Club Deportivo Calvo Sotelo ao estar patrocinado pola empresa mineira do mesmo nome, xogou o seu primeiro encontro oficial na Serie A-norte na tempada 1960/61 que se iniciou o 29 de Xaneiro de 1961, os nosos protagonistas desta ocasión comezaron perdendo por 0-2 na casa ante o Foz. Non sería ata a sexta xornada cando chegarían os primeiros puntos para eles ao vencer ao Noia por 3-0; era o 5 de marzo de 1961. Quedarían sextos ese ano  tan só por riba do Ribadeo (só xogaban sete equipos nese grupo).
Moitísimo mellor lles iría na seguinte tempada, na que gañaron as cinco primeiras xornadas, e nas que foron primeiros de grupo ao final da liga regular, unha liga na que o último clasificado fora o Sporting Barraña. Finalmente na liguilla de ascenso sería terceiro e terían que permanecer unha campaña máis na serie A.

Voltarían a clasificarse no ano seguinte para a liguilla de ascenso que foi para un intratable Compostela, e xa por fin na 63/64 tras ser primeiros de grupo, gañarían tamén a liga de ascenso acadando o pase a Terceira División acompañado polo Arenteiro.

O debut en Terceira non pudo ser mellor, ao gañar na primeira xornada por 4-1 ao Coruxo, pero tras un inicio moi bo, chegou unha segunda volta desastrosa que afundíu ao equipo ata a penultima posición, e a pesar de gañar na derradeira xornada daquela tempada por 2-1 ao campión Rácing de Ferrol, voltaron á Serie A cos mesmos puntos co Arsenal, Arenteiro, Couto, Lemos e Turista. Destes seis por culpa do golaveraxe, o único que baixou foi o Calvo Sotelo.

Tan só botarían un ano na Serie A, da que se subía sen precisar xogar unha segunda fase, e ao ser subcampión cos mesmos puntos que o gañador, o Arsenal. Desta voltaban axiña para a Terceira División.

Dúas serían as tempadas que aguantarían agora en Terceira, en parte porque na segunda das tempadas baixaron ata seis equipos, nunha Terceira División na que estaban o CD Lugo, o Ourense, o Fabril, e o Compostela entre outros. Unha Terceira con moito nivel.

Na tempada do 1971/72 o equipo baixaría a Primeira Rexional, pero o regreso á Serie A sería rápido, se ben ese primeiro descenso ás categorías provinciais estaba marcando o inicio dunha pequena crise na entidade. O cambio de nome no 1969 polo de Club Deportivo As Pontes non perecía sentarlle ben. Na primeira tempada de volta na Serie A, salvaríalle do descenso a sanción federativa por alineación indebida que tivera o Ribadavia na xornada 2, a que condeaba aos ourensáns ao descenso cos mesmos puntos co As Pontes que salvara a categoría, cousa que xa non pudo facer ao ano seguinte, baixando xunto co Galaico e o Pontevedrés.

Nesta categoría estaría penando ata a 1977/78, chamándose por aquela Segunda Rexional e na 1978/79 xogaría na recién creada Primeira Rexional. Xogaría a Promoción para subir a Preferente que deixaría de denominarse Serie A, pero perdería dita promoción contra o Antela ao empatar na casa a dous goles e perder na volta en Xinzo da Limia por 4-1 co que tería que conformarse en xogar nesa nova Primeira Rexional, ou sexa un mini-ascenso. 

O debut nesa nova categoría na que xogaría entre outros co Sporting Lampón foi máis ou menos decente, pero rematou lonxe dos postos de ascenso, e bastante peor sería no ano seguinte na que salvouse de descender por pouco. Sería na 1980/81 a tempada na que a pesar de ser 12º, aproveitando o desdoblamento da Preferente acadaría o ascenso de novo a esta categoría e xa por fin, na 1983/84, cando chegou o patrocinio da que noutro tempo fora a Empresa Nacional De Electricidad Sociedad Anónima e con ela os cartiños para facer un equipo xeitoso, o equipo sería segundo só por detrás dun gran CLUB DEPORTIVO BOIRO, e no play-off de ascenso consegíu subir a Terceira tras empatar na casa a cero co A Rúa e gañar en Valdeorras por 1-2.

O regreso a Terceira 17 anos despois saldouse cun resultado final bastante mediocre ao quedar 17º, pero xa na seguinte campaña serían segundos, so por detrás do Club Deportivo Lugo. Na fase de ascenso, nas semifinais eliminaría á Cultural Leonesa ao empatar a un en León e a cero nas Pontes. Na final, no partido de ida xogado nas Pontes, gañarían 1-0 ao Polideportivo Almería, pero en terras andaluzas, foron derrotados por 2-0 co cal, o soño de subir a 2ªB tería que agardar.

Non foi moito o tempo de espera, xa que no ano seguinte, quedaron campións de Terceira e sumado eso a que chegaba a ampliación da Segunda B, o equipo ascendería por primeira vez na súa história á categoría de bronce do futbol español, aínda que esto non é del todo certo, xa que nas súas primeiras experiencias pola Terceira División, daquela era esa a categoría de bronce.
Nesta tempada, a 1986/87 foi a do debut do Endesa As Pontes na Copa do Rei na que gañaría na primeira rolda previa por 0-3 ao Fabril, pero que na segunda rolda caería por 1-3 ante o Celta de Vigo. Comezaban así as mellores páxinas da historia deste equipo.

O equipo que acadaría o ascenso por primeira vez a 2ªB

O 30 de agosto de 1987 debutaba na casa ante o Basconia ao que se lle gañou por 2-0, e a pesar de que na segunda xornada perdían en Durango, a vitória por 4-1 ante o Langreo facía presaxiar unha boa tempada. Ao final acadaron un meritório 10º posto. Nesta 1987/88, o seu paso pola Copa do Rei sería eliminado en primeira rolda polo Lalín. Nesta tempada xogarían entre outros co Bilbao Athetic no que estaban Garitano, Urrutia, Larrazabal e Galdames como nomes máis ilustres,

As Pontes 1986/87

Mellor bagaxe acadaría en liga na seguinte tempada ao ser sétimo. Na Copa eliminaría en primeira rolda ao Bergantiños e na segunda caería ante o Deportivo da Coruña tras empatar a un no Poboado e perder 2-0 en Riazor.

Na 1989/90 tería un papel máis discreto en liga ao ser 14º e non disputou Copa do Rei. Na 1990/91 en liga sería 13º e na Copa eliminaría en Primeira Rolda ao Gran Peña e caería en segunda ante o Carballiño.

Endesa As Pontes no Santiago Bernabeu para xogar contra R Madrid B

1991/92 sería a súa gran tempada. Nun grupo no que estaba o Lugo, o Salamanca, o Numancia, ou mesmo a Ponferradina, os das Pontes serían cuartos e xogarían play-off de ascenso a 2ªA!!!! Non tiveron apenas opción na liguilla que tiveron que disputar e que foi encabezada polo Marbella aquel apadrinado por Jesús Gil y Gil e seguido polo Yeclano e o Manlleu. O Endesa sería último con tan só dous empates. Pero o temporadón xa non llo quitaba ninguén. Na Copa eliminarían ao Vilalonga na primeira rolda previa, e na segunda sería o Pontevedra o que caería ante eles. Xa na terceira rolda caerían dun xeito contundente ante o Manlleu, primeiro por 5-1 en terras cataláns e despois na casa por 0-3. É curioso que tiveran nunha mesma tempada que enfrontarse ata catro veces co equipo manlleuec.

Estes xogadores soñaron con ascender a Segunda !!!

Despois deste temporadón chegou unha campaña na que as cousas non irían nada ben, e aínda que chegaron a última xornada con opcións de salvarse do descenso a Terceira, a vitória do Celta B ante o Avilés daba a salvación aos vigueses pese a que o Endesa As Pontes tamén vencera ao Rácing de Ferrol. Os ponteses baixaban de novo a Terceira División. Na Copa do Rei, na primeira rolda eliminarían ao Estradense, pero na segunda caerían con estrépito novamente ante o Carballiño por 6-0 e 3-3.

 

No Vicente Calderón para xogar contra o Atlético Madrid B

O regreso a Terceira non se lle daría mal del todo, de feito quedarían terceiros por detrás de Bergantiños e Fabril, pero na liguilla de ascenso non terían opción algunha xa que quedaron últimos con tres empates detrás do ascendido Móstoles, do Caudal e do Salmantino. Na Copa extarían exentos de xogar a primeira rolda e na segunda serían eliminados polo Rácing de Ferrol tras perder 0-4 no Poboado e empatar a cero na Malata.

Mellor sería a tempada da 1994/95 sendo campións de grupo con bastante solvencia e quedando primeiros na liguilla de ascenso por diante do Leganés B, o Lealtad de Villaviciosa e o Salamanca B co que voltaban a Segunda B despois dun pequeno periplo de dous anos por Terceira.


Distaría desta vez o regreso do equipo a esta categoría da súa anterior experiencia na Segunda B, se ben o primeiro ano solventouno bastante ben cun 13º posto. Na Copa eliminaría en primeira rolda ao Pontevedra e na segunda caería ante o Celta ao empatar na casa a cero e perder en Balaídos por 2-1, pero entre os minutos 65 e 77, o Endesa era equipo de seguinte rolda. Nese Celta adestrado por Fernando Castro Santos, xogaban entre outros Vlado Gudelj, Patxi Salinas ou Ratkovic.

O Endesa en Balaídos para xogar a Copa fronte ao Celta.

Sufriron máis na 1996/97 ao salvarse por un só punto de diferencia sobre un Xetafe que xogaría o play-out por non baixar e sobre o Aranxuez e o Moscardó que si baixaron a Terceira. Na seguinte xa non o acadarían e abandoarían xa para sempre a Segunda B ao ser 17º clasificado. Acabaríase así ese super As Pontes que disputou nove tempadas na Segunda B. A ver se a empresa esa que vai montar unha gran fábrica de neumáticos nas Pontes patrocina ao equipo e son quén de volver a escribir un novo capítulo histórico.

Sin opcións de recuperar a categoría nas dúas primeiras tempadas en Terceira, si acadou o play-off de ascenso na 2000/01 ao ser segundo. Nesa liguilla de ascenso, o Alcalá non daría opción algunha ao resto de rivais sendo os ponteses terceiros. Os outros dous equipos serían o Langreo e o Palencia.

Esa boa clasificación, ao ser primeiro un filial como o Celta B, permitiulle xogar na 2001/02 a Copa do Rei, pero xa ás primeiras de cambio quedaron apeados polo Amurrio que empatou a cero nas Pontes e despois na súa casa gañaron 2-0. Ata a data de hoxe, foi esa a última participación en Copa do equipo protagonista desta nota. O subcampionato da anterior campaña non foi máis cun pequeno espexismo xa que nesta foron 18º e tocaba volver a Preferente. O que parecía que sería un pequeno peregrinar por Rexional para un equipo que non facía nada de tempo xogaba contra equipos que agora estaban en Primeira e Segunda División ao final alongouse no tempo un total de oito tempadas; ata o subcampionato da 2009/10 na que fora campión aquel sorprendente Mesón do Vento.

Confiaban nas Pontes que o regreso sería o primeiro paso para construir de novo un equipo temido na Terceira, pero na segunda campaña do regreso coquetearon demasiado co descenso. Tanto foi o coqueteo que ata a derradeira xornada non se salvaron, facendoo con 41 puntos, os mesmos que tivo o Estradense que si baixou a Preferente. Sorte que non hubo arrastres.

Virian despois duas tempadas mellores, cun 9º e un 5º posto respectivamente, pero pronto volverían as sombras e xa na 2016/17 cun 18º posto, caerían novamente ao pozo da Rexional, nunha moi triste campaña na que xa quedaron sentenciados a falta de moitas xornadas.

Desta vez o regreso a Preferente non foi tan traumático, e na primeira das campañas serían terceiros e xogarían play-off de ascenso, o cal gañarían ao Atios, pero entre arrastres e non ascensos en terceira, non lles valeu para nada.
Na seguinte xa si, serían primeiros ademais con moita solvencia, nun temporadón no que anotarían 123 goles!!

Festexando o regreso a Terceira

É posible que no regreso a Terceira, grazas ao COVID e a suspensión da liga sin descensos salvaran a categoría, xa que cando se suspendeu a competición eran 17º. Na seguinte a 2020/21 xa non terían escudo algún que os salvara e foron 10º de 12 na primeira fase da liga. Aínda irían peor as cousas na segunda fase da liga, na que practicamente baixaban todos, e eles foron 11º de 12. Así que este ano o As Pontes e o CD Boiro crúzanse de novo e tristememte nun grupo no que loitan por non baixar a Primeira Rexional; dous equipos que por historia (sobretodo eles) non tiñan que estar nunca en esta situación, pero... o fútbol é así.

Na primeira fase desta triste tempada para ambos equipos, os ponteses foron 8º con 9 vitórias 7 empates e 8 derrotas anotando 37 goles e encaixando 28. Na fase actual van segundos cunha vitória e dous empates que sumados aos cinco puntos da primeira fase danlle un total de 10 puntos. O noso Boiro ten agora mesmo 15. Os tres partidos desta fase disputados ata o de agora, os xogaron lonxe da súa casa. Empataron a un contra o Xallas e o Santaballés e gañaron 0-4 ao Escairón. Agora van xogar catro seguidos na casa... The Louzáns Rules.

Resumindo ata o de agora os números históricos do Endesa As Pontes/CD As Pontes:
TEMPADAS EN SEGUNDA B: 9
TEMPADAS EN TERCEIRA: 21
PARTICIPACIÓNS EN COPA DO REI: 9

(Algo de envexa si que teño do historial do noso rival deste domingo)

Nos enfrontamentos contra o CD Boiro, hai de todo un pouco. Na seguinte táboa adxunto tódolos resultados dos encontros disputados entre eles e incluídos tamén os tempos do Sp. Barraña.


E os números do As Pontes nas últimas 10 tempadas e na Preferente.



Son numerosos os restaurantes nos que poder coller folgos para alentar ao noso equipo os que queiran e podan ir ata alá, destacando quizáis O Xantar ou 7 Camiños. Se queremos comer xa ao carón do campo, temos o Lar, que sería o Bar-Restaurante da zona deportiva e da piscina. Un pouco máis retirado xa temos A Fervenza de Somede no que dou fe de que poñen unha carne moi boa.

Fervenza de Somede

 

O estadio onde o As Pontes xoga coma locatario, é o Campo do Poboado o cal ten este nome por atoparse no Poboado dos traballadores de Endesa, e ademais do estadio, conta con outros campos de fútbol, de rugbi e ca piscina. Nun deses campos, o pasado Venres Santo, os xuvenís do CD Boiro gañaron 1-5 ao equipo das Pontes materializando xa a súa salvación. Non pedimos tanto aos nosos seniors en canto ao resultado, pero algo positivo estaría ben.
Disque neste campo pódese albergar ata 2000 espectadores e por suposto é de herba natural. Inaugurouse no 1960 á par que o nacemento do equipo e as dimensións do terreo de xogo son de 101x60. Conta con pista de atletismo ao redor do rectángulo de xogo.

Instalacións do Campo do Poboado

O colexiado para este partido será Alexandre Represas Rodríguez, do colexio da Coruña. Este economista e empregado de Abanca, será o encargado de impartir xustiza o domingo. Esta tempada, nesta categoría asubiou o seguintes encontros:
Ribadeo 2 Residencia 1 (6 amarelos aos locais e 3 aos visitantes)
Ribadumia 2 Sanxenxo 1 (2 amarelos e 1 vermello aos locais e 1 vermello aos visitantes)
As Pontes 2 Sarriana 1 (dous cartóns amarelos a cada equipo)
Caselas 0 Verín 2 (1 e 3 amarelos)
Valladares 2 Portonovo 1 (3 e 2 amarelos)
Barbadás 0 UD Ourense 2 (12 cartóns amarelos, 7 e 5 respectivamente),
Boimorto 3 Fisterra 2 (9 amarelos, 4 e 5)
Escairón 1 Foz 3 (5 amarelos, 4 e 1)
Atios 2 Verín 1 (1 e 5 amarelos respectivamente)
Xuventud Cambados 1 Portonovo 3 (5 amarelos e 1 vermello aos locais, 2 amarelos ao Portonovo)
Paiosaco 1 Montañeiros 0 (6 cartóns amarelos, 4 e 2 respectivamente).
Despois ten asubiado en categorías xuvenil, e na primeira e terceira rexional.

Non teño constancia de que dirixira ao Boiro, pero si a As Pontes, aparte do destacado xa no parrafo anterior, na 2018/19 na xornada 8 nun Negreira 0 As Pontes 2 onde amosou 6 cartóns amarelos (4 e 2 respectivamente). Analizando o histórico dos seus encontros, podemos dicir que é un árbitro de tarxeta rápida, enseguida dispara o gatillo. É vogal na asociación de colexiados O Silbato.

O colexiado




viernes, 15 de abril de 2022

CLUB DEPORTIVO SANTABALLÉS

 CLUB DEPORTIVO SANTABALLÉS

LOCALIDADE: Santaballa (Vilalba)
ESTADIO: A Liga (500 espectadores)
ANO DE FUNDACIÓN: 1933
TEMPADAS EN PREFERENTE: 5 (6 ca actual)

Nova xornada de liga neste domingo no que recibimos en Barraña a un histórico do fútbol lucense, un equipo con casi 90 anos de antigüedade e que vai loitar para aguantar outra tempada máis en Preferente.

San Pedro de Santaballa, parroquia á que pertence o noso rival deste domingo conta cuns 500 habitantes. Está situada a uns dez kilómetros ao noroeste da capital municipal, Vilalba, na estrada que une a esta vila ca das Pontes de García Rodríguez.
É nesta parroquia onde se atopa o Bike Park Outeiro, aínda que creo que agora mesmo está pechado, e tamén un restaurante dos máis coñecidos da Terra Chá, o Naseiro. Pretiño desta parroquia, na de Codesido está o hotel Spa Attica 21 no que podemos visitar a Charca de Alligal, cunha fonte de augas medicinais nas que podemos bañarnos. Como non, esta fonte está chea de lendas ao redor das propiedades das suas augas.

A Charca do Alligal (Galicia Pueblo a Pueblo)

A pesar de ser tan antigo non teño datos do seu percorrido ata a tempada 1978/79, na que disputaría os seus encontros na Segunda Rexional, no grupo 7 con equipos como o Rácing Vilalbés ou o Lugo Atlético (actual Polvorín). Remataría esta tempada na cuarta posición.

Sería na 1981/82  o seu debut na Primeira Rexional, e foi contra o Rábade un 6 de setembro de 1981 contra o que perdería por 1-4. O primeiro punto chegaría na segunda xornada cun empate a cero en Monterroso, e a primeira vitória non chegaría ata a sétima xornada por un contundente 5-0 ante o Ferreira. 

Dez serían as tempadas que xogaría de xeito consecutivo nesta categoría, perdendoa na última, aínda que xa ás primeiras de cambio voltaría de novo a Primeira Rexional.

Na 1994/95 sería primeiro do seu grupo e acadaría por fin o ascenso a Preferente. Moi mala tempada tiveron con tan só duas vitórias e sete empates acadando 23 goles e encaixando 104.

Non minaría esta triste bagaxe a moral do equipo, e tan só precisarían dunha tempada na Primeira Rexional para voltar a Preferente e botar desta vez, duas tempadas, acadando o 12º posto na primeira delas e o 19º na segunda, tempada na que xa se enfrontaría ao noso CD Boiro despois dese triste periplo que tivemos pola categoría provincial.

Os enfrontamentos contra o Boiro

Despois dese descenso outras dez tempadas en Primeira Rexional, para xogar outra en Preferente na 2009/10 e que foi novamente desastrosa e que desta vez si que deixou ao equipo moi tocado porque ao ano seguinte voltaría a baixar caendo ao pozo da Segunda Rexional do que facía 20 anos que saíra. E non foi doado sair dese pozo, precisou de catro campañas para poder facelo. Asentouse posteriormente na Primeira botando nela 5 anos antes de regresar ao nivel no que agora se atopan, e con esta son dúas as tempadas consecutivas en Preferente, así que si consigue a salvación, sería a mellor xeira da súa historia nesta categoría. 

 

As dez últimas tempadas

Os números do Santaballés en Preferente (sin contar a actual)

Na pasada campaña a piques estiveron de xogar o play-off de ascenso, pero na derradeira xornada da liga regular, o Lemos deu a badalada gañando no campo da Sarriana e metéronse os de Monforte nese play off con 17 puntos, os mesmos que tivo o Santaballés, que tivo que xogar por intentar acadar un posto para disputar a Copa do Rei, posto que sería para o Victoria C.F.

O Santaballés na pasada campaña

Na primeira fase desta campaña, o Santaballés rematou no 11º lugar só por diante de Foz e At. Escairón. Remataría con tres vitórias, dez empates, e once derrotas, anotando 26 goles e encaixando 38. Chega a Barraña no cuarto posto desta liguilla con seis puntos despois de empatar a un na casa contra As Pontes a semana pasada, e de gañar por 5-1 ao Escairón fai duas semanas. 
 

Santaballés-As Pontes da semana pasada

O equipo adestrado por Juan Rodríguez chegará a Barraña co claro obxectivo de dar a sorpresa e levar algo positivo aproveitando unha posible relaxación dos nosos xogadores grazas ao colchón que teñen sobre os postos perigosos. Unha relaxación que agardemos non se produzca, porque a imaxe dunha campaña moi decepcionante non pode quedar todavía máis manchada contra un equipo que, a priori e con tódolos meus respetos, presupóñese inferior ao CD Boiro. Dito esto, desexarlles o mellor aos chairegos, xa que ten moitísimo mérito estar onde están sendo dunha pequena parroquia. Os xogadores máis incisivos deste equipo son Iago Castro con seis goles, e Palomo e Alex Novas con sete cada un.

O estadio onde xoga o Santaballés chámase Campo da Liga, se ben non ten nada que ver o nome ca Liga de Fútbol. O nome venlle dado pola Liga Santaballesa, fundada alá polo ano 1907 na Habana. como unha asociación de beneficiencia, educación e instrucción. Fundouse no domicilio de Don Francisco Naseiro Castro, onde reunidos 54 persoas de Santaballa e outras localidades dos arredores constituiron esta asociación. No primeiro regulamento especificábanse as ensinanzas que se debían impartir, tanto nun primeiro nivel ou primario como noutro nivel máis avanzado. Non só se pretendían as aprendizaxes das “catro regras” senón tamén unha formación en xeografía, historia, nocións de agricultura e cálculo mercantil. É dicir, naquelas áreas que os emigrados vían as súas necesidades.

Mesmo se contemplaba que se impartise docencia de historia, xeografía, lingua e gramática galegas. Sendo o primeiro centro educativo a nivel mundial que incluíu no seu plan de estudios estas materias, tamén se contemplou a posibilidade da docencia dos idiomas inglés e francés.
O nivel elemental estaba destinado para ser cursado por todos os escolares e eran gratuítos tanto a matricula como os libros e o material escolar. Os alumnos de educación superior debían de adquirir os libros pero a matricula e o material escolar eran de balde. (Texto extraído do Facebook da Liga Santaballesa)
A escola que se construíu en Santaballa grazas ás doazóns, é un fermoso edificio que ben paga a pena visitar xa que ademais da súa beleza, soe albergar exposicións sobre a emigración, e polas datas dos Santos, organízase unha interesantíma Feira Indiana. Ademais hai un roteiro que parte de alí mesmo e no que podemos contemplar o seu xardín botánico con especies autóctonas galegas e tamén cubanas.
 
Edificio da Liga Santaballesa
 
A ver que me centro, que levo unha parrafada enorme no apartado do Campo do Fútbol e aínda non dixen nada del.
O campo atópase xusto detras do edificio da Liga Santaballesa. Trátase dun modesto campo que conta con herba natural, pero cunha pequenísima bancada. O que xa non é tan pequeno é o terreo de xogo,  que conta cunhas dimensións de 101x58

Campo de futbol A Liga

O colexiado nesta ocasión será Eduardo Rodríguez Penas do colexio da Coruña, que xa dirixíu ao Boiro fai duas campañas no campo da Alta no que perdimos contra o Puebla por 2-0 na primeira xornada. Sacara ese día cartóns amarelos para Xabi e Juan García polo Puebla, así como o vermello ao adestrador Anxo Casalderrey. Polo Boiro os sancionados foran Cea, Cardeñosa e Juanma.
En liñas xerais, trátase dun colexiado moi pouco tarxeteiro. Este enfermeiro e podólogo, dirixía nesta tempada o Escairón 2 Lemos 3; o Sigüeiro 4 Estudiantil 0 e o Residencia 0 Ribadeo 0.

Eduardo Rodríguez Penas



E dis de subir ata alá arriba?
E ti sei que me fodes!