SI PULSAS SOBRE LAS ALTIGRAFÍAS Y FOTOS, PODRÁS VERLAS A TAMAÑO COMPLETO.


Agradecer a Salvador Hernández su ayuda en la configuración de este blog. Gracias Salva.



Mostrando entradas con la etiqueta Puebla FC. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Puebla FC. Mostrar todas las entradas

martes, 30 de noviembre de 2021

Puebla Fútbol Club

PUEBLA FUTBOL CLUB


LOCALIDADE: A Pobra do Caramiñal
ESTADIO: A Alta (1000 esoectadores)
ANO DE FUNDACIÓN: 1973
TEMPADAS EN PREFERENTE: 9

Antes de iniciar a nota do rival desta semana, mostrar as miñas condolencias aos veciños da Pobra polo recente pasamento de Juan Carlos Riveiro, expresidente do clube, un auténtico home de fútbol e con quen o Puebla escribíu as mellores páxinas da súa história. Que a terra lle sexa leve ao bo de Riveiro.

Pois entrando xa en materia, o deste domingo ás 16:30 en Barraña,  quizais sexa o encontro que máis espectación produza nesta tempada por ser o derbi do Barbanza ou da beira norte da Arousa, según se vexa, o encontro entre veciños, entre amigos, pero no que habrá tensión xa que o tren da liguilla de ascenso pode marchar para o que perda, e porque precisamente neste tipo de encontros, o que perde ten que aguantar máis mofas que de costume noutras derrotas.

O Puebla o día da sua presentación en Cadreche (La Voz)


Do concello da Pobra pouco vou descubrir aquí que non se sepa xa en Boiro. É o concello máis pequeno en extensión da Barbanza con tan só 32,5 kms cadrados no que viven unhas 9300 persoas repartidas por catro parroquias. Aló polo ano 2000 o concello chegara a ter os 10000 habitantes, pero pouco tempo os aguantou perdendo esa barreira poboacional que lle da máis forza a calquera administración local. O punto máis alto do concello sitúase no Alto do Barbanza con 656 metros. Ten a Pobra un interesante rueiro na súa parte máis antiga onde destaca a casa-museo de Valle Inclán, conserva a súa alameda e a fachada marítima creo que é ben bonita, e máis agora que se vai recuperar a parte na que so había naves abandoadas, entre elas a da discoteca Boomerang, onde moitos de nós pasamos longas horas nos domingos de xuventude.
A Curota, O río Pedras, as praias de Cabío e Lombiña... non son ningún segredo xa para ninguén, e a Pobra presume, e con razón, destas xoias da natureza.

A min molaríame que este clube que se fundou o 30 de xuño de 1973, se chamara Pobra Futbol Club, pero non é así... Que lle vou facer!?!?, aínda me fastidia máis que o seu torneo de verán siga levando o nome do Conde de Fenosa. O que si teño que recoñecer, que teñen un dos escudos máis fermosos do fútbol galego, ou polo menos para mín. 

Chega o Puebla a Barraña con 12 puntos tras gañar tres partidos, empatar outros tres, e perder outros tantos. No apartado goleador, levan 12 goles  tanto a favor como en contra.

 

O primeiro presidente que tivo o Puebla foi Eliseo Escurís Batalla, e a súa primeira competición na tempada 1973/74 foi na Segunda División do Sar Grupo Sur, sendo o seu primeiro encontro o día de Reis de 1974 contra o Unión ao que gañaron por 2-0. O Lampón, e o Cabo de Cruz serían algún dos rivais nesa liga. Quedaron quintos de nove equipos.

Foi o equipo medrando pouco a pouco ata que por fin, na 1983/84 quedou campión do seu grupo na Primeira Rexional e acadou o ascenso a Preferente, na que se estrearía de xeito oficial na casa un 2 de setembro de 1984 gañando por 4-1 ao desaparecido Atalaya de Porto do Son. Remataron esa campaña nun meritorio oitavo posto, que mellorarían ao seguinte ao ser terceiros, só por detrás de Bergantiños e Sporting Sada, e xa na seguinte, subcampións por detrás do histórico Lemos e ascenso a Terceira División. Menudo carreirón levaba o equipo.

O 30 de agosto de 1987 estreábase o equipo en categoría nacional, e facíao en Cangas do Morrazo ante o Alondras co que sucumbiría por 4-3 nun emocionante partido. Ao final da tempada serían decimo cuartos con 34 puntos (lembrade que por aquel entón as vitórias daban dous puntos e non tres) nun grupo no que tiveron que enfrontarse entre outros ao Rácing de Ferrol, a SD Compostela ou ao Coruxo. A primeira vitória chegaría na seguinte xornada ao gañar por 5-0 ao Atlético Ourense. 

Repetiría posto e puntuación na campaña seguinte, e xa na da 1989/90 o equipo sería décimo sexto con 32 puntos e perdería a categoría por mor dos arrastres da Segunda B, da que baixarían o Rácing de Ferrol, o Lalín e o Arousa nunha campaña desastrosa para os equipos do noso país sendo aquel famoso Xuventude Cambados, o que mellor quedaría ao ser cuarto clasificado. Da Terceira tan só subiría o Compos o que sentenciaba ao equipo do Caramiñal que xa non volvería a xogar en Terceira. Xusto un posto por diante cun puntiño máis, salvaría a categoría o CD Boiro.

Dende esa o declive do Puebla foi abismal, aguantando tan só duas tempadas en Preferente, pero as campañas en Primeira Rexional serían desastrosas baixando na 1995/96 a Segunda Rexional e sen aínda tocar fondo, o que ocurriría na 2004/05 co descenso a Terceira e ollo que ata lles costou collerlle o punto a unha categoría na que botarían catro tempadas.

Na 2008/09 comezou o resurxir do equipo sendo campión da Terceira Rexional con 29 vitórias en 32 partidos e anotando 152 goles e encaixando tan só 18. Os únicos partidos que non gañaran foron un empate a un en Bealo, outro a cero na casa ante o Xuño e unha derrota na casa por 0-1 ante o Cabo da Cruz. O resto, goleadas a favor dos pobreses, destacando o 12-0 ao Caamaño.

Rozou xa o ascenso a Primeira no seu re-debut en segunda pero ao final tivo que agardar tres tempadas para acadalo e outras tres tivo que agardar en Primeira para subir a Preferente na que só botou desta vez unha campaña ao quedar 17º e baixar ese ano seis equipos.

O novo peregrinar pola Primeira Rexional sería de dous anos nesta ocasión e conseguiron voltar a Preferente ao ser segundos tras A Golada na 2017/18 e cos mesmos puntos co Piloño que quedou ca mel nos beizos da que pudo ser o seu primeiro ascenso a Preferente. Aínda así o Puebla precisou dunha eliminatoria contra o subcampión do Grupo I, o Carral ao que doblegaron tras perder no encontro de ida xogado en Barraña o 27/05/2018 por 2-3 marcando polo Puebla, Changui e Espi, e no encontro de volta xogado no campo de O Castro unha semana despois, o resultado foi de Carral 0 Puebla 2 con goles de Changui e Pap.

Festexando o ascenso contra o Carral (La Voz)

Dende aquela o equipo xa non se moveu da Preferente ata o de agora.

O clube conta ademais de con este equipo, cun filial, o Puebla B que está na Terceira Rexional e que vai segundo tras o Noia B. Ten o equipo xuvenil na primeira autonómica e equipos en categoría cadete, infantil, alevín e benxamín.

O Puebla non é precisamente un equipo que se lle de ben ao CD Boiro en Barraña, máis ben ao contrario. Certo é que botaron moitos anos sen xogar entre eles, pero a última vez que o noso equipo lle gañou aos pobrenses na casa foi o 6 de marzo de 1994 estando en Primeira Rexional co resultado de 1-0. Na Pobra o noso equipo acadou resultados moito mellores que en Barraña, pero cunha grande diferencia!! Hai vai a táboa para que vexades.

A eses resultados hai que engadir un partido da Copa Deputación na 1988/89 que se xogou en Barraña e que rematou con empate a cero, pero no que pasou de ronda o Puebla na quenda de penaties e outro no 2017 con empate a un, pero nesta vez pasou o Boiro, quizáis por que xogamos na Pobra...
 
As dez últimas campañas do Puebla

O equipo adestrado por Xesús Mella conta con xogadores que en Boiro coñecemos ben, como o porteiro Miguel, ou como Brais Nieto, Nacho Figueira ou Teira. Supoño que para estes ex-xogadores do noso equipo será un encontro especial.

O campo de futbol no que o Puebla xoga como local, é o Campo da Alta, cerquiña da praia de Cabío e que conta con pistas de atletismo nas que o Club de Atletismo Barbanza adestra e forxa campións, sendo sen dúbida algunha a grandísima Ana Peleteiro o mellor exemplo do que se pode chegar a conseguir adestrando na Alta.
A capacidade do campo é duns 1000 espectadores, cunhas dimensións do terreo de xogo de 102x62 e de herba natural
 
Campo de fútbol e area do salto de lonxitude (EibrSestaoX.com)

O colexiado para esta ocasión é o coruñés Iván Morlán García, outro amante da música, pero nun eido diferente ao colexiado da semana pasada. Este é un amante do rock un pouco máis duro co que fai Miss Derrota pero a súa relación con bello arte da música é máis literaria que instrumental. Ten feito entrevistas e críticas de grupos musicais na páxina "Keep the Flame Webzine", na que publicou entrevistas a Obús e Saratoga entre outros moitos.
No futbolístico, debutou na Prefente na tempada 2016/17, na primeira xornada no Grupo Sur cun Xuventú Sanxenxo 1 Pol. San Cibrao 0, amosando cinco cartóns amarelos, tres para os locais e dous para os do Polígono. Nesta campaña dirixíu na xornada 4 do Grupo Norte B o As Pontes 2 Santaballés 2 con 5 cartóns amarelos aos locais e dous aos visitantes aos que lles pitou un penalti a favor; na xornada 9 no noso grupo dirixíu o Laracha 1 Arteixo 3 con tres amarelas para cada equipo. Tamén nos grupos do sur asubiou algún encontro, como o  Valladares 3 Xuv. Sanxenxo 2, con cinco amarelos aos de Vigo e un bermello directo no minuto 21 aos de Sanxenxo ademais doutro amarelo; o Velle 1 Cultural Areas 2 con tres e seis amarelos respectivamente e a semana pasada o Porriño Ind. 2 Mondariz 1 con dous e seis tarxetas amarelas. Ogallá teña sorte no encontro e dirixa con ben o partido. Non teño constancia de que ata o de agora lle dirixira algún encontro ao noso equipo.
 

 
E dis de subir ata alá arriba?
E ti sei que me fodes!