LARACHA CLUB DE FÚTBOL
LOCALIDADE: A Laracha
ESTADIO: Municipal de A Laracha (1.200 espectadores)
ANO DE FUNDACIÓN: 1965
TEMPADAS EN PREFERENTE: 21
Remata xa a primeira volta desta primeira fase en Preferente, e tócanos rendir visita a un histórico da Rexional galega e un dos equipos contra o que máis veces témonos enfrontado ao longo da história. Esta vai ser a decimonovena tempada na que os camiños do Laracha e do Boiro coinciden entre a Preferente e a Terceira. Como curiosidade dicir que a segunda volta ímola comezar a escasos catro kilómetros de aquí, no campo do Paiosaco, que tamén pertence ao concello de A Laracha. Chegan os nosos rivais deste domingo no décimo posto con nove puntos, seis dos cales os acadaron nas dúas últimas xornadas ao gañar na pasada semana 3-5 ao Estudiantil (os tres primeiros goles na tempada dos de Vista Alegre) e 3-1 fai dúas xornadas ante o Boimorto. Os outros tres puntos os conseguiron na xornada segunda ao gañar 1-2 en Santa Comba ao Xallas. Nas outas sete xornadas sufriron sete derrotas polo que ata o de agora non coñecen o empate. Levan anotados 14 goles e encaixados 22.
Festexando un gol contra o Boimorto (La Voz de Galicia) |
Ten este concello unha extensión de 125,57 kms cadrados nos que viven unhas 11500 persoas repartidas por 13 parroquias sendo a da capital municipal, a de Torás, a principal. Bica o mar este concello no fermoso lugar de Caión. É un concello prominentemente agrario e forestal, e conta cun dos centros loxísticos de Inditex. Para visitar, ademáis de caión, recomendo a área recreativa de Gamelle e o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte que podemos unir facendo unha bonita ruta de sendeirismo á que o Río Anllóns dota dunha gran fermosura. Para os que se animen a ir ata alá a animar ao noso Boiro, poden coller folgos antes de ir ao partido na Tarberna de Ures, ou na Cervexaría O Trasno.
Pois pasando xa ao futbolístico, este equipo que foi fundado no 1965, disputou a súa primeira competición en liga na Primeira Comarcal gañando no seu primeiro partido oficial por 3-4 ao Arteixo e rematando no séptimo lugar dunha competencia de 15 equipos. Nesta categoría estaría ata a 1983/84 aínda que cas diferentes reorganizacións do fútbol galego denominándose ben Primeira Comarcal ata 1977/78 ou ben Segunda Rexional. Foi malo o debut na Primeira Rexional perdendo a categoría na mesma tempada, pero recuperandoa nun só ano. O regreso a Primeira Rexional sería desta vez moito mellor, sen pasar apuros, ata que por fin, na 1991/92 consegíu o ansiado ascenso a Preferente ao ser Campión.
Estreábase nesta categoría o Laracha o 6 de setembro de 1992 con empate a un en Ribadeo chegando á semana seguinte a primeira vitória por 2-0 ante o Atlético Ribeira. Ao final da tempada, os laracheses serían séptimos, nunha tempada desastrosa para os equipos da Barbanza na que o Boiro foi último clasificado e por diante de nós, como antepenúltimos foron os do Atlético de Ribeira.
Seguirían cinco tempadas máis en Preferente, xa que na 1996/97, mentres o Boiro navegaba polos tristes mares da Primeira Rexional, o noso rival deste domingo quedaba campión de grupo tras un gran temporadón e acadaba o seu primeiro ascenso á categoría nacional.
O 31 de agosto de 1997 xogaba o Laracha o seu primeiro encontro en Terceira ante o Viveiro na casa e faríao cun empate a un, sendo na terceira xonada a da primeira vitória tras un 4-1 ante o Somozas. Ao final desta campaña, de 21 equipos, o Laracha sería vixésimo co que voltarían a Rexional ás primeiras de cambio.
Non sería bo o retorno a Preferente facendo unha campaña un tanto mediocre, pero nas seguintes foi collendo forza e acadando bos postos, un 3º na 1999/2000, un 2º na 2001/02 na que perdeu contra o Guardés por 0-1 e por 2-0 no play-off de ascenso a Terceira, e outra vez segundo na 2003/04 o que lle valeu o ascenso a Terceira a pesar de caer derrotado no play-off ante o Alondras.
Moito mellor lle foi ao Laracha desta vez na Terceira, quedando no quinto posto no seu re-debut a tres puntiños do cuarto, o Coruxo, nun ano no que o Feiraco Negreira acadaría o ascenso a Segunda B, un ascenso, que como a tantos outros non lle sentou nada ben, e pódese dicir, que aínda a día de hoxe anda a pagar a peaxe daquel ascenso.
Na seguinte campaña o Laracha sería terceiro, tan só por detras do Fabril (daquela Depor B) e do CD Lugo, o grande, non o filial. O Laracha dispiutaría o play-off de ascenso a Segunda B no que non tería ningunha opción xa que na primeira eliminatoria caería por 0-3 na casa ante o Parla e sería derrotado novamente en terras madrileñas por 2-0 esfumándose o soño do ascenso.
Tra-lo temporadón na 2005/06 chegou o bofetón do descenso na seguinte ao ser penúltimos clasificados con tan só 31 puntos, os mesmos co último clasificado, que aquel ano foi o Cruceiro de Hío.
As seguintes seis tempadas do Laracha serían en Preferente sen correr riscos de descenso e tampouco contou con posibilidades reais de ascenso, pero na 2012/13 na que nós fomos os campións, o Laracha quedou cuarto, pero a renuncia de equipos de Terceira a continuar, fixeron que o equipo volvera a acadar o ascenso a Terceira.
Desta vez serían duas campañas as que estarían os da Laracha en Terceira acadando un 15º e un 19º posto, e botarían outras dúas tempadas en Preferente cun 9º e un 2º posto, este último tras o Noia e por diante do Estudiantil, na tempada que empezaría a odisea do equipo estradense polos xulgados.
Novamente sería un ciclo de dúas tempadas as que botaría o Laracha en Terceira, da que baixaría ao ser 17º, nunha campaña na que un desesperante CD Boiro foi 19º. E dende aquela están os dous equipos en Preferente ata o de agora. Antes do inicio da última tempada na Terceira, asinaran un contrato de filiación co Deportivo da Coruña, que racharían antes de que rematara a tempada vendo que o Fabril baixaba irremediablemente a Terceira e arrastraría a Preferente a Laracha, división á que baixaría igualmente ao ocupar posto de descenso.
No retorno do Laracha a Preferente, que pagou con creces ese contrato de filiación co Dépor e rachalo a posteriori, salvoulle a pandemia do COVID de que baixara a Primeira Rexional ao non haber descensos, pero tanto eles como o Foz na xornada 26 na que rematou a liga estaban máis que sentenciados. Polo mesmo motivo zafaron o ano pasado na que tan só foron capaces de sacar un punto en doce partidos, e nesta polo momento non é que lles vaia moi alá e vanno ter complicado unha vez máis.
A plantilla está composta por xente bastante nova, que conta con algún veterán pero a inmensa maioría dos xogadores andan entre o 19 e os 23 anos. Podemos destacar a un dos de 19 anos como xogador máis perigoso, a Barroso, que polo de agora, é o xogador que máis goles fixo do plantel larachés con 5 dos 14 que levan en total. O adestrador é Alexandre Álvarez de 45 anos e o presidente chámase Juan José Fuentes Varela.
Ademais de contar con este equipo senior, o Laracha ten un equipo xuvenil na 2ª autonómica, e tamén ten equipo cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín
Moitas son as veces que se viron as caras Boiro e Laracha nuns partidos nos que moitas veces fíxose valer o factor campo como podedes ver nas seguintes táboas.
O Campo no que xoga o Laracha como local é o Municipal no que poden entrar ata unhas 1200 persoas. O terreo de xogo ten unhas dimensións de 102x61 e é de herba artificial. Atópase o campo fora do que é o pobo, aínda que moi pretiño, na Rúa Campo, moi preto do cemiterio. O desplazamento ata allí pode levar sobre unha hora e media.
Esta tempada dirixíu na primeira xornada o Arteixo 4 Puebla 0 amosando dous cartóns amarelos aos locais e catro aos pobrenses e o Fisterra 1 Dubra 1 da quinta xornada na que sacou tres cartóns amarelos para cada equipo. Esto en canto ao noso grupo. No Grupo 1B na xornada 4, o Sarriana 3 Ribadeo 0 con dous amarelos aos de Sarria e un para os da Mariña. No 2A o Céltiga 1 Gran Peña 3 da xornada novena (catro e un amarelos); e no 2B o Atios 0 Sp. Guardés 0 (con un e dous amarelos respectivamente). Como se pode observar non é un árbitro que amose moitas tarxetas, e de feito este ano aínda non sacou nin un cartón vermello. Sorte para o trencilla nesta importantísima xornada.