SDC GALICIA DE MUGARDOS
LOCALIDADE: Mugardos.
ANO DE FUNDACIÓN: 1953
TEMPADAS EN PREFERENTE:16 (17 ca actual)
ESTADIO: A Pedreira [2000 espectadores (1000 sentados)]
Outro domingo con fútbol na Barraña, e desta vez visítanos outro equipo con solera no fútbol rexional galego, a SDC Galicia de Mugardos. Despois intentarei explicar o de Meá que sae no escudo.
Debido á súa proximidade a Ferrol, o fútbol chegou cedo á vila mugardesa, xa que os traballadores dos astaleiros de Bazán, tiñan moito contacto cos capataces ingleses que traerían xunto con outros traballadores cualificados e tamén algúns soldados chegados dende terras británicas, a práctica deste deporte a terras galegas. Se ben é certo, que ata xa ben entrados os anos 20 do século pasado, os mugardeses non se organizaron en equipos, para xogar primeiro dun xeito un tanto informal con outros equipos da veciña localidade de Ares.
O Sporting da Pedreira sería o primeiro deses equipos, financiado pola emigración cubana e que mercou o primeiro balón de coiro. Formouse na parroquia mugardesa de Meá. O segundo equipo, o Principe dos Casás, tamén tería a súa sede na mesma parroquia. Ata oito equipos chegaron a formarse en no moito tempo, pero co estalido da Guerra Civil tra-lo fatal Golpe de Estado franquista, desapareceron, volvendo a formarse pouco a pouco equipos novos ao remate da contienda.
Sería no 1952, cando nacería o verdadeiro xerme do actual equipo co nome de Galicia de Meá (de aí o de Meá no escudo), de feito, o equipo é o mesmo, o único que trocou foi a segunda parte do nome. O seu primer encontro oficial, xogaríase un 13 de decembro de 1953 contra o Espartero de Ferrol.
Imos presentar un pouco a terra do noso rival deste domingo.
O concello de Mugardos, conta cunha poboación duns 5225 habitantes, que se reparten polas catro parroquias que conforman os 12,77 kms cadrados que ten este pequeno concello artabrés; de feito, na provincia da Coruña, só o de Corcubión é máis pequeno. Está situado na parte norte da península de Bezoucos, fronte á cidade de Ferrol, da cal se observa dende aquí case toda a súa fachada marítima.
Vista do paseo marítimo de Mugardos |
O motor económico de Mugardos agora mesmo son os temibles depósitos de gas que alí ten, agardemos que ben seguros, a empresa Reganosa, que con esto da Guerra de Ucraína, a de estar a vivir uns días frenéticos. Mugardos ben paga a pena unha visita e degustar o seu rico Polbo á Mugardesa e dar un paseo pola zona do Castelo da Palma onde cumpliu parte da súa condea o Garda Civil, Antonio Tejero tras o seu intento de Golpe de Estado do 23 de Febreiro de 1981.
Non atopei datos anteriores á tempada 1966/67 que fixeran referencia ao Galicia de Mugardos en liga, aínda que sei que si as disputou. Nesa tempada, no seu grupo da Primeira Rexional Coruñesa, denominado Ferrol-Ría, tiña como rivais ao Barallobre, ao Eume, o Numancia de Ares, o Perbes, Limodre, Ártabro e Cultural de Maniños.
O Galicia de Mugardos iría xogando pola Primeira Provincial, que despois pasaría a ser a Segunda, e xa, na 1977/78, gaña o Grupo 8 da Primeira División do Campionato Provincial e ascende a Primeira Rexional, na que xa, no ano do seu debut, sería segundo clasificado, tan só detrás do Sada. Ambos equipos que se gañaron o ascenso no campo, renunciaron a él en beneficio do Fisterra que sería 4º e do Padrón SD que sería 9º. Nesa tempada, o 14º clasificado era o Sporting Lampón.
Na 1979/80 o Galicia sería o campión, pero volvera a renunciar o ascenso (ese ano chegou a subir o Ribadeo sendo 15º!!!).
Na 1980/81, cun cambio radical na organización das categorías, o equipo acadou o ascenso sendo 4º (subiu ata o 13º, mágoa que o Lampón fora 15º), e así, na 1981/82, debuta en Preferente o 6 de setembro, perdendo 1-0 no campo do Cee. Na segunda xornada, ante o Chantada, chegaría a primeira vitória polo resultado de 2-1. Nesa tempada chegarían os primeiros duelos Boiro-Mugardos con resultados positivos para os nosos, se ben, ao final da competición, os mugardeses serían cuartos clasificados e o Boiro sétimo.
Seguirían en Prefente ata a 1986/87, tempada na cal, a pesar de salvar a categoría xogando e quedar 12º, renunciaron á continuar nela.
Despois costaríalle moito volver a Preferente, de feito botou 17 tempadas consecutivas en Primeira Rexional, acadando bos postos ao principio, pero chegando incluso a coquetear co descenso nalgunha tempada como na 1998/99. Despois, pouco a pouco foi mellorando a cousa, ata que na 2003/04 son subcampións de grupo quedando por detrás do Flavia. Chegaba á derradeira xornada desa tempada xogándose o ascenso. Un Flavia xa ascendido non tiña nada que temer, pero a esa xornada chegaban o Cedeira con 62 ptos, o Mugardos con 61 e o Cabana con 60. Calquera podía ascender, pero os de Cedeira empataban a tres tantos na casa do Cariño, mentres que Mugardos e Cabana gañaban na súa casa por 2-0 a Colexiata e Dubra respectivamente o que deixaba como segundos aos mugardeses.
Desastroso regreso a Preferente do equipo, que sendo 18º, a 11 puntos do anterior clasificado, voltaba ao pozo da Primeira Rexional, e desta vez, serían catro as tempadas nesta división, con tres terceiros postos e un subcampionato. Como nota curiosa, no subcampionato que lle valeu o ascenso acadou 60 puntos, mentres que en dous deses terceiros postos conseguira 68 puntos nun e 76!!! noutro xogando en 34 partidos en todas esas tempadas.
Os comezos nesta nova xeira de campañas pola Preferente foron un pouco titubeantes, pero dun xeito un tanto sorpresivo, resultou que na tempada 2014/15 o equipo quedou subcampión e ascendeu, por primeira vez na súa histora á Terceira División.
Festexando o ascenso a Terceira |
O 23 de agosto de 2015, o Galicia de Mugardos xogou o seu primer encontro en Terceira e fixoo na casa contra o Barbadás, co cal perdeu por 1-2. O debut comezaba moi mal xa que tan só un minuto foi o que aguantou o equipo sen encaixar un gol nesta categoría. O empate a un chegaría de penalti transformado por Permuy no minuto 47. O 1-2 final chegaría tamén de penalti no minuto 61. Nese equipo xogaría, entre outros, Brais Abelenda, xogando actualmente na Primeira RFEF co Pontevedra.
A primeira vitoria do equipo chegaría na sexta xornada ante o Ordes por 2-1.
Galicia Mugardos-Fabril en Terceira División |
Despois de 38 xornadas, nunha campaña na que o noso Boiriño fora o campión naquela inesquecible tempada, o Galicia de Mugardos descendía ao ser 17º clasificado. Chegaba a derradeira xornada con opcións de salvarse, e nesa xornada gañaba 4-0 ao Ribadumia que non se xogaba nada, pero o Bergantiños e o Ordes, os outros dous equipos que chegaban ao final de liga co perigo do descenso, tamén gañaban, o Ordes 1-0 ao Barco e o Bergan 0-1 en Verín, polo que o Ordes con 45 puntos e o Bergan con 43 salvaban a categoría, pero o Galicia de Mugardos, cos mesmos puntos cos de Carballo, a perdían. Tan só un ano aguantou o Mugardos en Terceira, á que polo de agora non volveu, pero ollo que nesta tempada está a presentar o seu aval para ascender de novo.
O Mugardos-Boiro (1-4) na 2015/16 en 3ª División |
E foron duas as tempadas no pozo da Primeira, nunha primeira un tanto decepcionante ao quedar quintos, pero xa na segunda ocasión, o equipo foi campión con moitísima solvencia sacando 8 puntos ao segundo clasificado, o Victoria e 18 ao terceiro, o Betanzos.
Non lle iban mal as cousas no regreso a Preferente, e cando se suspendeu a tempada por mor do COVID, o equipo iba 5º clasificado, a tan só 6 puntos do segundo, o Fisterra, e a dous do que quedou terceiro, o CD Boiro.
Na seguinte campaña foi dos que optaron por non xogar, e na pasada 2021/22, encadrado no grupo 1B foi quén de clasificarse para a liguilla de ascenso. En ningún momento tivo opcións de acadar o ascenso, pero polo menos no sufriron na segunda parte da liga co temor a perder a categoría.
Este ano, polo de agora, levan tres victorias e unha derrota, que foi unha desas sorpresas da xornada pasada na que perderon 2-1 no campo da SDC Residencia, nun partido no que no minuto 5 xa iban empate a un; o 2-1 final, chegaría de penalti no minuto 90. Os outros resultados obtidos foron un 6-0 ao Pino, un 2-3 en Noia, e un 3-2 ao Victoria. Ollo con este Galicia adestrado por Stili, que vai facer un bo papel seguro.
Nos enfrontamentos contra o Boiro aquí na casa, somos bastante superiores xa que das 15 veces que se viron as caras, o Mugardos só gañou unha, e foi en Primeira Rexional na 1994/95 co resultado de 0-1. Ala en Ferrolterra xa é outro cantar. Indicar que o resultado en Barraña da 1982/83 non o conseguín e faltaríame ese dato na estadística que mostro a continuación.
Enfrontamentos contra o Boiro |
Resumo dos encontros contra o Boiro |
A continuación engado as taboas co resumo das últimas tempadas do clube e o seu histórico na Preferente.
Últimas participacións do Galicia Mugardos |
O colexiado é Cesar Montes Villamil, do colexio de Pontevedra. Este ano dirixíu o Barbadás 0 Xuvenil Ponteareas 0 con catro e dous amarelos respectivamente.
Ao Boiro na campaña anterior, na liguilla por evitar o descenso, asibiou o Boiro 2 Xallas 1 no que ensinou 3 amarelos aos visitantes e ningún a nós, se ben é certo que o Xallas adiantáraxe no minuto 8 de penalti. Non teño constancia de que o arbitrara ao CD Boiro en outra ocasión máis.
O Colexiado do día |
O estadio onde xoga o Galicia de Mugardos como locatario é A Pedreira, cunhas dimensións de 103x65, de herba natural e que ten unha capacidade de 2000 espectadores dos cales 1000 están sentados na bancada cuberta.
Campo de A Pedreira |
A verdade que e moi interesante saber da historia dos equipos desta prefernte. Noraboa pola iniciativa
ResponderEliminarMoitas grazas polo teu comentario. Un saúdo!
Eliminar