SOCIEDADE DEPORTIVA FISTERRA
LOCALIDADE: Fisterra
ESTADIO: Ara Solís [500 espectadores (200 sentados)]
ANO FUNDACIÓN: 1960
TEMPADAS EN PREFERENTE: 9
Nesta segunda xornada tócanos visitar a un histórico do fútbol da Costa, a Sociedade Deportiva Fisterra, que afronta a que é a súa novena tempada na Preferente, tras baixar da Terceira División, na que non xogaba dende a tempada 1981/82. Comezou o Fisterra esta tempada presentando as suas credenciais para estar arriba e loitando polo ascenso, gañando con moita claridade en Laracha por 0-2. Pola nosa parte, aínda que non acadamos a vitória, si que se viron cousas que apuntan a que a nosa tempada pode ser boa. O xogo ilusionou á parroquia barrañista e creo que o CD Boiro foi merecedor dos tres puntos.
Fisterra é unha desas vilas galegas nas que o fútbol vívese dun xeito moi intenso, e as bancadas do Ara Solís sempre son unha festa animada principalmente polos siareiros que conforman os Rapacollóns Big Band e que animan ao seu equipo a ritmo de batukada.
Os Rapacollóns (www.piratasdemuxía.com) |
Non só os Rapacollóns apoian ao clube da súa vila, son moitísimos os negocios locais que de toda índole que aportan o seu gran de area para que o Fisterra non volva caer no pozo da Liga da Costa na que tivo que competir moitísimos anos.
Fisterra como ben sabemos está na Costa da Morte, e conta cunha poboación duns 4800 habitantes, e por desgraza non é axeno á sangría poblacional que sufren tantos concellos da nosa Terra, e que por moito que aos dirixentes políticos se lles encha a boca co tema do rural e de que van tomar medidas para salvalo, a realidade é que as aldeas quedan baleiras e as vilas cada vez con menos xente.
Nos pouco menos de 30 kms cadrados de terreo e as súas catro parroquias, aparte do seu archicoñecido cabo e faro, alberga lugares tan pintorescos e fermosos como as praias do Rostro ou a de Mar de Fora, e a menos brava de Sardiñeiro. O solpor dende o Monte Facho tamén paga a pena velo.
Para os siareiros que se acerquen a animar ao noso CD Boiro, o ambiente de vermuteo na zona do porto é moi bó, e xa para a hora do xantar, podemos darnos unha homenaxe no coñecido Tira do Cordel, ou quedarnos polo porto no Arco da Vella, O Centolo, O Pirata ou A Loira Taberna.
Restaurante O Pirata |
Na pasada tempada, como xa comentei antes, a SD Fisterra xogou en Terceira tras acadar o ascenso na tempada 2019/20 deixándonos aos do Boiro ca mel nos beizos. O descenso materializouse ao quedar 8º na segunda fase da liga, na que baixarían os que quedaron entre o 5º e o 12º posto. Os problemas comezarían xa a facerse patentes dende o comezo da campaña, xa que na primeira fase só quedaron por diante do noso anterior rival, o Paiosaco.
O obxectivo principal do clube nesta tempada tan dura como a que se prevé, non é outro que volver a acadar o ascenso a Terceira RFEF, en principio creo que teñen calidade para elo, se ben antóxaseme unha plantilla un tanto corta para afrontar toda a campaña. Na dianteira contará cos veteráns Adrián Mackay (33 anos) e con Alberto Álvarez (Vía Rápida) (31 anos) que o ano pasado xogara co Sofán. A xuventude non é precisamente unha das características do plantel fisterrán, xa que contan con Cea (38 anos), Pablo Vigo (36), Julián López (35)… Tamén o que esto escribe, ten que dicir que quen pillara agora esas idades.
O Plantel o día da presentación. (Foto sacada do Facebook da SD Fisterra) |
Como xa comentei anteriormente, esta vai ser a décima tempada na Preferente para os fisterráns, e ata o de agora, nas 9 tempadas anteriores disputadas nesta categoría, xogaron 290 partidos, gañando 97 deles, empatando 49 e perdendendo os 144 restantes. Anotaron 395 goles e encaixaron 540. Estes datos inclúen a tempada na que a Preferente chamábase Serie A (1977/78).
Nos enfrontamentos co Boiro en Liga, van xa 11 tempadas nas que coincidimos, se ben ata fai dous anos, non o faciamos dende a 1997/98 na 1ª Rexional. A falta de coñecer o resultado da segunda volta da tempada 1982/83 que non o atopei por ningures, na que pechaban a temapada en Barraña, os resultados na nosa casa son claramente favorables aos nosos intereses, e tampouco dábasenos nada mal xogar alí, onde tamén os números son moi favorables aos nosos intereses, ogallá siga a racha.
Como vedes nas táboas anteriores, os números históricos decántanse moi claramente ao noso favor.
Agora engado unha táboa cas últimas dez tempadas da SD Fisterra.
O terreo de xogo onde disputa os seus encontros a SD Fisterra como equipo locatario, é o Ara Solis, moi doado de atopar, xa que está ubicado moi preto da estrada que chega dende Cee ata Fisterra, e un pouquiño antes de dar a curva pechada que xa nos mete de cheo na vila, hai que xirar á dereita, perfectamente sinalizado ademáis.
A capacidade da bancada é de tan só 200 espectadores, o que se me antoxa moi pouca para a gran afición que hai aquí ao fútbol. O terreo de xogo é de herba artificial, e cunhas dimensións moi reducidas, de feito vin nalgún sitio que as medidas do terreo de xogo son de 95x55
No hay comentarios:
Publicar un comentario