ATLÉTICO ESCAIRÓN
LOCALIDADE: Escairón-Vilasante (O Saviñao)
ESTADIO: Municipal de O Saviñao
ANO DE FUNDACIÓN: 1965
TEMPADAS EN PREFERENTE: 4 (5 ca actual)
Comeza o noso CD Boiro a liguilla pola permanencia en Preferente co que, con tódolos meus respetos, é, a priori, o rival máis débil desta fase que ten que disputar o noso equipo tras unha moi decepcionante fase regular na que albiscamos tan só dun xeito fugaz os postos que nos deran a opción de poder subir a terceira.
O Atlético Escairón, equipo da parroquia de Vilasante no concello lucense de O Saviñao tivo uns números moi discretos nesa primeira fase regular, na que foi 13º e último con tan só 6 puntos acadados. Conseguíunos na xornada 5 ao gañar na casa ao Victoria CF por 2-0, e na xornada 23 tamén ao gañar na casa por 3-1 á SDC Residencia. Anotou tan só 20 goles e encaixou 74. Con dúas vitórias e 22 derrotas e lóxico que fora o último, polo que parte con cero puntos nesta fase. Lembremos que o CD Boiro parte con 6.
Átlético Escairón (2021/22) |
O Concello do Saviñao pertence a bisbarra de Terra de Lemos, e forma parte da Ribeira Sacra. Nos casi 200 km2 de extensión cos que conta, alberga un total de 29 parroquias nas que viven tan só 3589 segundo o censo de 2021. A capital municipal é precisamente Escairón que conta cunhas 890 persoas.
O Saviñao está poboado dende antigo pero agora sufre con forza a despoboación do seu territorio, xa que neste momento, a franxa de idade con máis representación é a de 70 a 79 anos e por contra, a que menos representantes ten é por desgraza a de 0 a 9 anos.
A actividade económica principal do concello é a agricultura e a gandaría, sendo quizais a súa principal empresa a vitivinícola Adegas Moure, que comercializa os coñecidos viños e licores de Abadía da Cova. Se imos con tempo a ver o partido, podemos aproveitar a viaxe e visitar estas impresionantes adegas enclavadas nunha fermosa paraxe. Se nos xuntamos 10, podemos difrutar da cata de sete dos seus viños... Aquí deixo a proposta.
Adegas Moure e o Río Miño |
En Escairón hai feira os 8 e 19 de cada mes, e conta este concello cun importante patrimonio no que destacan os pazos de Vilelos e Arxeriz así como a Casa da Abadía de Santo Estevo de Ribas de Miño. As suas festas patronais son na primeira semana de agosto nas que teñen actuado artistas de certo renome así como as máis grandes orquestras, pero destaca sempre no seu programa a carreira de burros ao redor do vello campo de fútbol e que se celebra o último día, atraindo xente de toda Galicia. Tras esta carreira hai un campionato entre parroquias de tiro de corda.
Se alguén se anima a ir ata o Saviñao a alentar ao noso equipo, pode coller folgos para facerse notar na pequena bancada do seu estadio, pode facelo no Restaurante Avenida o si queremos comer de tapas, temos o Indalo Gourmet e O Noso Lar. Estes tres están no mesmo Escairón, preto do Campo de Fútbol. Para chegar a Escairón dende Boiro temos duas opcións, a de sufrir as peaxes da AP-9 e da AP-53. Esta sería indo por Compostela e despois a Lalín onde teríamos que coller despois dirección Rodeiro e Monforte de Lemos. Entre Chantada e Monforte xa veremos o desvío que nos levaría ata Escairón tras percorrer 149 kms.
Se non queremos pagar as peaxes, podemos ir pola Estrada e Silleda ata Lalín e despois alí coller xa o Corredor que nos levaría a Monforte. Serían deste xeito 141 kms pero levaría máis tempo.
Non vai ser esta a primeira vez que se enfronten Boiro e Escairón. No Saviñao xa xogaron na cuarta xornada da tempada 1998/99 tamén en Preferente e na que se empatou a un tanto. No partido de volta na xornada 23, o Boiro fora quén de gañar por 3-1. Ata o de agora foi a única vez que se enfrontaron.
As dez últimas tempadas do Atlético Escairón |
Esta é a quinta tempada na que o Escairón xoga en Preferente, sendo o seu debut nesta categoría precisamente nesa 1998/99 na que xa xogou contra o Boiro. O debut foi na casa contra o Vilalbés perdendo por 0-2 sendo na terceira xornada a primeira vitória na categoría por 1-0 ante o Foz. Non lle foi nada ben sendo último con tan só 5 vitórias e 8 empates en 38 xornadas polo que voltaría a Primeira Rexional, chegando a descender incluso a Terceira Rexional na que estaría nas campañas 2004/05 e 2005/06. Voltaría a Preferente na 2014/15 sendo 18º e volvendo a descender pero desta vez tan só estaría unha tempada na Primeira facendo na 2016/17 o seu mellor papel en Preferente sendo 6º ao final da campaña. Por desgraza para eles, na seguinte, voltarían descender. Na 2019/20 foron primeiros do seu grupo en Primeira Rexional acadando o ascenso, un ascenso que non disfrutarían ata este ano, xa que na pasada tempada foi un dos equipos que por mor da pandemia decidíu non competir.
As catro anteriores tempadas en Preferente do Escairón |
Atlético Escairón 2019/20 |
O Campo Municipal de O Saviñao, conta cunha coqueta bancada, dende a que os seus siareiros animan aos seus xogadores que disfrutan de xogar nun campo de herba natural, cunhas medidas de 101x63, ou sexa, un campo grandiño para os que sole haber nesta categoría.
Estadio Municipal de O Saviñao |
O equipo é adestrado por Xurxo Rodríguez, que colleu as riendas do equipo na xornada 14, e que fora xogador entre oputros do Compostela e do Real Uvieu, pero destaca o seu paso polo Celta B chegando a xogar un partido de Primeira División co priemiro equipo celtiña na 2002/03, concretamente o Real Sociedad 1 Celta 0 na xornada 18. Xogou os 90 minutos. Tamén co Celta xogou un encontro completo en Segunda División contra o Rácing de Ferrol na sexta xornada da 2004/05, con empate a un. Por certo, co Celta B gañou no 2002 a Copa Federación.
Naceu o 15 de agosto de 1980 en Cee.
Xurxo Rodríguez no Celta |
O encontro será dirixido por un árbitro do colexio ourensán, Renny Mazaira Rodríguez, un Licenciado en Dereito pola Universidade de Vigo e Máster en Loxística e Transporte de Mercadurías, está a piques de cumplir 33 anos e leva asubiando en Preferente dende o 2015. Non teño constancia de que algunha vez dirixira ao CD Boiro.
Por contra, ao Atlético Escairón, me consta que na xornada 35 da 2017/18 dirixíu un Escairón 1 Outeiro de Rei 3, no que mostrou aos locais seis amarelos e un vermello. Aos forasteiros catro amarelos.
Renny Mazaira |
No hay comentarios:
Publicar un comentario