SI PULSAS SOBRE LAS ALTIGRAFÍAS Y FOTOS, PODRÁS VERLAS A TAMAÑO COMPLETO.


Agradecer a Salvador Hernández su ayuda en la configuración de este blog. Gracias Salva.



miércoles, 20 de octubre de 2021

SIGÜEIRO CLUB DE FUTBOL

 SIGÜEIRO CLUB DE FUTBOL


LOCALIDADE: Sigüeiro (Oroso)

ESTADIO: Lino Balado

ANO FUNDACIÓN: 1961

TEMPADAS EN PREFERENTE: 2

 

Achégase un novo domingo de fútbol a Barraña, e non vai ser un domingo calquera, xa que vai ser sábado… O sábado ás 17:00 horas. Seica os da televisión e os presidentes deses clubes que din ser os grandes do Estado español, pediron que por favor o Boiro adiantara o encontro para non quitar espectadores á pachanga esa que van xogar o domingo. E ademáis é especial porque temos a visita do Sigüeiro, equipo adestrado por un boirista de pró ao que lle desexamos a mellor das sortes na súa carreira como adestrador, pero a partir de que remate o encontro contra o Boiro. Seguro que o noso ben querido Carde acadará moitos éxitos dende os banquiños e que acabará sentándose nun no que dirixirá a algún equipo histórico do fútbol galego. E falando de históricos do fútbol galego, nas filas do Sigüeiro estaba tamén o incombustíbel Juanito, que tiña en mente retirarse na pasada campaña do fútbol activo, pero o seu clube, o Sigüeiro foi dos que decidíu non participar por mor da pandemia. Ata casi o comezo desta tempada, estivo Juanito dándolle voltas ao asunto para ver se despedíase dos terreos de xogo nesta campaña e finalmente, tras moito pensar e falar co clube colgou as botas. Unha auténtica mágoa porque a retirada deste xogador, querido eu creo por tódalas aficcións de Galicia tiña que ser doutro xeito, recibindo o agarimo e o recoñecemento da xente á que lles presta este deporte. Moi grande Juanito!!!!

Juanito mostrando as camisolas dos seus equipos (La Voz de Galicia)

 
Carde dirixindo un adestramento

Sigüeiro, coma xa saberedes está no concello de Oroso, a uns 15 kms ao norte de Compostela, e podemos chegar ata alí pola N-550 ou pola Ap-9, que dende fai un tempo, Sigüeiro conta cunha saída indo dende o sur. Antigamente había “dous Sigüeiros”, o de Oroso, e o que estaba no outro lado do río Tambre, que pertencía ata o 2005 ao concello de Santiago, pero nese ano 2005, uníronse como unha única entidade de poboación, pertencente á parroquia de Barciela (Oroso).

Ten Sigüeiro uns 4000 habitantes, (7500 o concello) que a convirten na capital administrativa do concello, e conta cun polígono industrial de relativa importancia, no que destacan as empresas de Vegalsa, a flota de camións Genebrando Castro que non deixa de medrar, e Gamesa Gearbox entre outras.

Para os aficionados á pesca, en Sigüeiro hai un importante coto de pesca e dúas bonitas áreas recreativas sendo a Illa do Refuxio a que máis paga a pena visitar.

Imos xa a falar do equipo aínda que teño que recoñecer que non me foi doado atopar moitas cousas. Fundado no ano 1961, este equipo estivo xogando entre a Segunda e a Primeira Rexional a maior parte da súa história, non chegando a Preferente ata a 2019/20, así que esta é a súa segunda tempada na categoría, xa que foi un dos equipos que decidiron non participar na pasada campaña. O camiño ata a Preferente foi longo e cheo de dificultades, especialmente nos comezos deste século, xa que da 2004/05 ata a 2007/08 chegou a xogar na Terceira Rexional, para pouco a pouco ir asentándose e consolidadando o equipo, primeiro na Segunda Rexional e despois na Primeira, ata chegar a xogar o play-off de Ascenso a Preferente contra o Victoria na 2018/19 despois de ser segundo detrás do Fisterra, ambos con 79 puntos. No play-off, no partido de ida, gañaron por 2-1, (Goles de Chema e Juan) empatando a 1 (gol de Íñigo) no campo do Victoria. En ambos encontros marcara primeiro o equipo da Coruña.

 

O Sigüeiro na 2019/20 (Lapreferente.com)

O debut do equipo en Preferente, adestrado por Tomás Mougán, foi na casa ante o Ribadeo, co que empataran a cero, chegando na segunda xornada a primeira vitória, polo tanteo de 0-3 no campo do San Tirso; Colón, no minuto 13, foi o encargado de materializar o primeiro gol do equipo nesta categoría.

Nesta campaña, o equipo vai na novena posición tras gañar un encontro (1-0 ao Paiosaco), empatar outro (1-1 na Pobra do Caramiñal) e perder dous (1-2 contra o Dubra e 1-0 en Arteixo). A partir do vindeiro luns, desexámoslle ao equipo toda a sorte do mundo, porque teñen como adestrador, unha grandísima persoa moi querida por toda a bancada de Barraña.

Noutro orden de cousas, dicir que o Sigüeiro, equipo presidido por Antonio Liñares dende esta tempada, ten un convenio de filialidade ca SD Compostela, co que pode ser que algún dos xogadores que se formen neste equipo, acaben dando o salto á unha categoría máis alta xogando na SD. Comentar tamén, que aínda que sexan equipos diferentes, o Sigüeiro Futbol Club, e o Xuventude Oroso dende o ano 2010, as directivas de ambos equipos traballan da mán no eido estructural, social e deportivo. De feito teñen a mesma páxina en redes sociais e na web, que polo visto, fai moito tempo que non actualizan.

O Sigüeiro como tal, non ten fútbol base, xa que sería todo do Xuventude Oroso nese eido que comento no párrafo anterior, polo que o noso protagonista da nota desta semana, só conta co equipo senior, e outro de veteráns.

Tan só unha tempada enfrontáronse o Boiro e o Sigüeiro, a do 2019/20, na que na xornada 5 xogamos en Sigüeiro e gañamos por 0-1 con gol de Saviola no minuto 32. Na xornada 24, en Barraña, o resultado foi de 0-0. Adxunto a táboa co resumo das últimas 10 tempadas do noso rival deste domingo, na que podedes ver que na súa anterior participación en Preferente xogou 26 partidos, gañou 10, empatou 5 e perdeu 11, anotando 30 goles e encaixando 26, o que lle valeu para acadar un meritorio 11º posto.

 

O campo de fútbol no que xoga o Sigüeiro como local, é o Lino Balado, cun terreo de xogo tamén de reducidas dimensións (99x58), de herba artificial e cunha capacidade de 600 espectadores.

Campo do Lino Balado (Páxinas Galegas)


E dis de subir ata alá arriba?
E ti sei que me fodes!